Situación

Historia do Concello

A primeira referencia histórica deste lugar, atopámola no ano 863 nun documento de carácter relixioso, redactado en latín e onde se fala das igrexas da zona. A vida da vila estivo marcada, dende os seus comezos, pola influencia da familia dos Andrade e, máis tarde, polos marqueses de San Sadurniño, e sempre pola presencia da Igrexa; aínda hoxe, a Casa Consistorial ocupa parte do antigo convento do Rosario, que abrangue tamén a igrexa parroquial de San Sadurniño.

A vila toma o seu nome de San Sadurniño, bispo de Tolosa no século primeiro e mártir, e un dos santos máis populares en Francia e España, así como patrón da cidade de Pamplona. Sabemos que no que hoxe é San Sadurniño, existiu unha poboación prehistórica, como se deduce da existencia de varios castros no concello, dos que podemos salientar os das Croas, de Riboira, de Croa do Redo e San Sadurniño. Os tres últimos están aliñados sobre a ladeira do Monte Rapadoiro, formando unha liña que se cre puido ter unha motivación defensiva.


Suponse que houbo presencia romana, aínda que non se localizaron con exactitude os posibles asentamentos. Posteriormente, a historia do concello vincúlase, coma diciamos antes, dunha parte ó Castelo de Narahío e ós Andrade e por outra, ó marquesado de San Sadurniño. 1152 é a primeira referencia histórica de Narahío, data dunha doazón de Rodrigo de Froila ó Mosteiro de Xubia: "-en terra de Trasancos de todo o pertencente á herdanza de Narahío...-"