DECLARACIÓN INSTITUCIONAL A SUSTENTABILIDADE NO CONCELLO DE SAN SADURNIÑO
Benqueridos/as veciños/as,
Ben sabedes que o noso planeta atura múltiples impactos medio ambientais que están causando a destrución de moitos ecosistemas, a extinción de especies, a contaminación das augas ou a alteración do clima, entre outros moitos efectos.
Esta crise ambiental abrangue a todo o mundo, e polo tanto tamén ten as súas consecuencias en San Sadurniño e no resto dos concellos da comarca.
Estamos convencidos de que as accións locais teñen o seu reflexo na situación global e viceversa, polo que para tentar reducir ou eliminar os efectos negativos desta situación, e para colaborar no axeitado funcionamento dos ecosistemas, os concellos e a cidadanía no seu conxunto teñen a obriga de participar e colaborar na consecución destes obxectivos.
É por iso que o Concello de San Sadurniño é consciente da responsabilidade que lle toca, e pretende dirixir a súa acción política cara á sustentabilidade. E farao apostando por un verdadeiro desenvolvemento sustentable, que nos permita progresar sen degradar as nosas paisaxes, os nosos ríos, os nosos montes e, en definitiva, que evite o esgotamento dos recursos naturais que son a base do noso hábitat e das actividades socioeconómicas esenciais para manter a nosa calidade de vida e a das xeracións futuras.
Por todo isto o Concello de San Sadurniño DECLARA:
1. A súa decisión de emprender cantas actuacións, proxectos e medidas sexan posibles, no ámbito municipal, para contribuír a que as xeracións presentes e futuras gocen dun contorno saudable e un progreso adecuado.
2. O seu firme compromiso de aplicar as políticas ambientais con carácter transversal, impregnando ao resto de políticas municipais.
3. A súa convicción da urxente necesidade de reducir, minimizar ou eliminar de maneira efectiva os impactos ambientais do concello e das actividades situadas nel, como única vía para mudar a situación actual.
4. O seu apoio e fomento a un desenvolvemento centrado no aforro enerxético e no uso das enerxías renovables.
5. A súa vontade de traballar na concienciación, sensibilización e dinamización da nosa sociedade, na defensa do ambiente e dos recursos naturais.
6. A súa intención de implementar mecanismos de participación efectiva que posibiliten a colaboración e a implicación de toda a veciñanza no obxectivo común do desenvolvemento sustentable.
San Sadurniño leva tempo dando pasos cara a sustentabilidade, e xa conta con instrumentos como a Axenda 21 Local. Nembargante, o traballo neste eido ten que ser constante e que implique ao conxunto da cidadanía. Por iso o Concello pretende dar outro pulo, e avanzar con maior decisión cara a un harmónico desenvolvemento económico, social e ambiental.
Agardamos a vosa axuda e a vosa participación, para entre todos conseguirmos elevar a calidade de vida do conxunto da cidadanía.
San Sadurniño, 3 de xullo de 2008
O alcalde,
Secundino García Casal
Enlaces de medioambiente
- ADEGA: www.adega.info
- Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible: medioambiente.xunta.es
- INEGA: www.inega.es
- Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño: www.marm.es
- SOGAMA: www.sogama.es
Residuos e sustentabilidade: